"Bótame un capio" forma parte do proxecto Vedra Medra
Bótame un capio

"Bótame un capio" é unha expresión que os habitantes de Vedra utilizaban cando demandaban axuda e que fixemos nosa como cabeceira desta ferramenta. Con ela queremos solicitar a colaboración da veciñanza nun labor de recolleita de léxico relacionado coa cultura tradicional.

Os dicionarios actuais inclúen o termo capio 'Remate máis groso dunha atadura ou lazo que se fai no extremo desta para facilitar o labor de atar' (DRAG), 'Extremo máis groso dun vimbio que se retorce na parte máis delgada deste co fin de apertar e atar algo máis fortemente' (DIGALEGO). Pero nas terras de Vedra tanto o substantivo capio coma a dita expresión non son de uso común, aínda que noutros tempos nacesen e se empregasen no ámbito vitivinícola.

A tarefa de recompilación que agora emprendemos xorde para contrarrestar a situación de vulnerabilidade en que se atopa moito vocabulario tradicional debido ao modo de transmisión (vía oral) e ao desarraigamento da súa dimensión práctica.

"Bótame un capio" forma parte do proxecto Vedra Medra